Un comentario no supermercado

Hai dúas cousas das que receo moito, acudir a manifestacións, son unha miga misántropo, e opinar sobra a actualidade, son lento pensando

Hai dúas cousas das que receo moito, acudir a manifestacións, son unha miga misántropo, e opinar sobra a actualidade, son lento pensando.  Hoxe traizoéime dúas veces.

Comezo a escribir isto recén chegado dunha concentración polo rapaz que mataron dunha malleira na Coruña. Non tiña pensado ir, como tampouco vou cando asasinan a unha muller, nin ía cando ETA estaba en plena cegueira asesina, procuro ser ecuánime na miña insolidariedade. Non me sinto orgulloso.

Fun cando a bomba de Clangor, se cadra pola empatía, ou medo, que da a proximidade da barbarie. Eu ía ir por primeira vez aquela noite, cando estabamos chegando as luces da policía xa non nos permitiron debutar.

Sucedeu que hoxe fun ao Gadis e mentres esperaba a vez e miraba o xamón que ía mercar, o home, que estaba diante miña, entretíañase falando coa chacineira, retrasando deste xeito o viño solitario que me gardo para min nas vacacións, cando se despediu fíxoo entre risas mentres burlón dicía:

– E irás á manifestación.

E fun, aínda que non se dirixía a min, non creo que por ter a mirada ideoloxizada, aínda que non lle vexo nada malo a ter ideoloxía, senón porque pensei que nunha sociedade non se pode permitir ser posesiva cos mortos, non pode haber os nosos mortos, os mortos deles.

Agora estou aquí escribindo, triste por min, pola familia do rapaz asesiñado e polo home normal que falaba coa dependenta do Gadis.

Boiro, a 5 de xullo de 2021