Reencontros

Que a Marcial non lle gustaba ler foi, quen sabe por qué, o primeiro que se me veu a cabeza ao saudalo ...

Que a Marcial non lle gustaba ler foi, quen sabe por qué, o primeiro que se me veu a cabeza ao saudalo. Levounos un pouco descubrirnos, pero as olladas, esquivas e dubitativas nun principio, foron amarrándose a unha a outra, ata confirmarnos que si, que nos coñecíamos. 

Tomei a iniciativa. Sorteei a parella ensimesmada que nos separaba na barra e preguntei por preguntar, Marcial? Alegrámonos do azar de atoparnos, de recoñecernos supoño, botando contas do tempo que pasara dende que o instituto nos xuntara. A verdade é que quitando o pelo máis branco e rareado, un par de engurras de profundidade filosófica, se cadra algún quilo por riba do aconsellado, o cansazo do final da xornada tropezando pola roupa e un punto de derrota espetado nos ollos, que quizais xa tivera sempre, a verdade é que Marcial seguía conservando a cara do neno que foi.

Ao despedírmonos alegreime de que non lle gustase ler, nin coma a min escribir.

Mario Caneiro