Peregrinos

Cando saco a Arca á rúa, unha cadela vella que paseamos durante catro anos no Refuxio de Animais de Bando e que froito do afecto da miña filla e en contra do meu sentido común agora vive no noso piso ...

Cando saco a Arca á rúa, unha cadela vella que paseamos durante catro anos no Refuxio de Animais de Bando e que froito do afecto da miña filla e en contra do meu sentido común agora vive no noso piso, non é nada raro que dúas ou tres veces á semana acabe por facerlle fotos, a grupos, parellas ou peregrinos solitarios, xusto diante do cartel que anuncia a entrada a Santiago.

Levo en Compostela máis de trinta anos, Ferrolterra volveuse xa case memoria, e sempre me gustou ver pasar aos peregrinos, así alguén tan pouco dado a viaxar coma min, pode, aproveitando o paseo canino, devolverlle o saúdo a franceses, coreanos, italianos, murcianos e sentirse cosmopolita sen saír da casa.

Dubido que algunha vez faga o camiño, pois á idea de afastarme centos de quilómetros, para ter como meta regresar a Compostela, non lle vexo moito aquel. Xa sei que, aparte da paisaxe e a cultura que o adorna, contan os peregrinos o que ten o camiño de iniciático a viaxe, de procura dun mesmo, de aportarche unha nova perspectiva do mundo, pero como o meu problema é máis ben que xa me atopei e non me aturo moi ben, e que se algo me sobran son perspectivas do mundo, podo cambialas varias veces no día, pois para que. 

Ademais cando lles fago as fotos, non podo evitar pensar que si, moito atoparme, moito mudar a miña visión do mundo e da humanidade, pero fágome a foto para que o cuñado vexa que é certo, fun quen de chegar a Compostela.

Mario Caneiro

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp

eventos Permanentes